Sobre a consulta da Consellaría de Educación. Texto consensuado entre diferentes organizacións
O texto que vai a seguir, consensuado entre as organizacións abaixo asinantes, foi enviado aos centros educativos e informa  sobre a posición que mantemos en relación á consulta que a Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria vai realizar nos centros para determinar o uso do galego, así como da nosa posición en referencia ao rigor metodolóxico e certas garantías para a intimidade dos datos persoais, todo coa intención de aclarar o que significa marcar unha ou outra casa no inquérito.



As organizacións abaixo asinantes, ante o anuncio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria de realizar unha consulta nos centros educativos en relación co uso do galego, queren transmitir á comunidade educativa e á sociedade galega no seu conxunto as seguintes cuestións:

  1. Esta é unha consulta, deseñada á marxe da comunidade educativa, carente de rigor na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos e sen garantías para a intimidade das persoas e a protección de datos de carácter persoal.
  2. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento Galego en 2004 (PP, PSOE e BNG), é un punto de encontro na definición dos obxectivos para o ámbito educativo. O Decreto 124/2007, de 28 de xuño, recolle este acordo do Parlamento Galego dándolle carácter normativo e a súa legalidade foi avalada por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta norma pretende garantir unha competencia similar en galego e en castelán.
  3. O obxectivo de que ao remate do ensino obrigatorio os nenos e as nenas sexan plenamente competentes nas dúas linguas oficiais non pode conseguirsecon menos do 50% das materias impartidas en galego. Coa enquisa que se envía ao centros o mantemento desta porcentaxe só se garantiría marcando a resposta “en galego” ou “todo en galego”, pois esta opción non fai referencia á totalidade do ensino, senón soamente ás materias que habería que impartir hoxe en galego –o 50%-, xa que a enquisa non recolle a opción de que todas as materias agás as linguas, poidan ser impartidas en galego.
  4. Por termos en conta as consideracións anteriores, propoñemos marcar a opción “galego” (en Infantil e FP) e “todo en galego” (en Primaria e Secundaria), porque desta maneira estariamos a indicar que queremos en galego as materias que hoxe se deben impartir na nosa lingua, tal e como indica o decreto en vigor. Non significaría, por tanto, que optemos por todo o ensino en galego, pois esta opción non se considera.
  5. Igualmente xulgamos preciso transmitir a nais e pais a necesidade de incluíren no apartado de observacións da enquisa peticións semellantes a que expresamos a continuación:

    • Desexaría que o ensino fose en galego, unha opción que non recolle esta enquisa.
    • Estou a favor da aplicación do decreto actual de promoción e uso do galego no ensino, realizado co consenso da comunidade educativa e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego.
    • Todo o anterior fai que os resultados desta consulta non me parezan lexítimos.

A Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación de Directores e Directivos de IES, AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega), CIG-Ensino (Confederación Intersindical Galega), Comités,  Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra, Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Santiago, Federación de ANPAS de Ferrolterra, NEG (Nova Escola Galega), STEG (Sindicato dos/as traballadores/as do Ensino de Galicia),
[Imprimir]