Carta da AS-PG ao Sr. Conselleiro de Educación e ao Secretario Xeral de Política Lingüística
18 de xaneiro de 2010
Copia da Carta enviada ao Sr. Conselleiro de Educación e ao Sr. Secretario Xeral de Política Linguistica lamentando non teren tido en consideración a traxectoria da AS-PG, entidade que traballa no campo da normalización desde hai máis de trinta anos, á hora de levar a cabo a rolda de consultas sobre o borrador de Bases para a elaboración do novo decreto.

Don Xesús Vázquez Abad, Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Don Anxo Lorenzo  Suárez,  Secretario Xeral de Política Lingüística



Como Presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega diríxome a vostedes para lles manifestar.

1º.- A AS-PG  é un movemento de renovación pedagóxica que naceu hai máis de trinta anos baixo o denominativo: Na procura dun ensino Galego. Non é preciso dicirlles que aspiramos, e non renunciamos,  a un sistema educativo galego na expresión e nos contidos.

2.- Como tal movemento de renovación pedagóxica temos participado en numerosos foros e mesas de debate sobre a situación sociolingüística de Galicia. En moitos deles ao lado da Secretaría Xeral de Política Lingüística, desde os tempos en que ocupou este cargo Dona Paz Lamela, Don Manuel Regueiro, Don  Don Xesús Paulo González Moreira ou Dona Marisol López.

3.- Participamos na elaboración do Plano Xeral de Normalización Lingüística, traballando xustamente na mesma comisión en que traballaba, como secretario, o actual Secretario Xeral de Política Lingüística, Don Anxo Lorenzo.

4.- Somos a entidade que  ofrece maior número de cursos homologados pola Consellaría de Educación. Máis de 7000 profesores e profesoras participaron nas nosas actividades en 2008-2009. Tamén somos a asociación que conta con maior número de asociados e asociadas entre as  que traballamos no ámbito da renovación pedagóxica.

5.- Por iniciativa da AS-PG, e como moderadores das reunións, traballaron as comisións que finalmente confluíron na denominada Normativa de Concordia, demostrando con isto a nosa capacidade de alcanzar consensos.  Estamos presentes no Consello Escolar de Galicia e en numerosos Consellos Escolares Municipais.

6.- Levamos a cabo desde hai anos actividades de normalización dirixidas a alumnado (Tíralle da Lingua, Correlingua, etc) ao profesorado  e a pais e nais (Aprender para educar, etc)

7.- Apostamos polas novas tecnoloxías e polas posibilidades que ofrecen para avanzar nos procesos de normalización.  O noso traballo durante estes anos foi recoñecido, tanto dentro como fóra de Galiza, sendo algúns dos nosos produtos (caso de É. O Verbo, traballo feito coa colaboración da propia Secretaria Xeral de Política Lingüística) finalistas de importantes certames como os Mestre Mateo.  Outros traballos ou proxectos mereceron o recoñecemento internacional, caso do Proxecto Galbreus ou algúns vídeos como o CD sobre Arte Barroca.

8.- Co relatorio anterior non pretendemos salientar os nosos méritos nin traballos, senón simplemente denunciar o sectarismo da Consellaría que vostede dirixe e da Secretaria Xeral deixando fora da rolda de consultas unha entidade como a AS-PG. Non cuestionamos que teñan que estar todas as entidades que citaron para esta semana, aínda que non comprendemos a razón de estaren algunhas cuxos traballos neste ámbito son inexistentes, mais si lamentamos que coa súa actitude sectaria deixen de escoitar a opinión dun colectivo que  desde o ano 1976 ven traballando “Na procura dun ensino Galego”. O seu desprezo por este e outros MRP deixa en evidencia que non procuran o consenso senón simplemente facer o paripé para impor as súas ideas e levar adiante a súa política de exterminio do noso idioma.

Sen máis, reciban un cordial saúdo

Xoán Costa Casas
Presidente da AS-PG

A Coruña 18 de xaneiro de 2010



 

 
[Imprimir]