Formación
Cursos 
XXXIV Semana da Educación de Pontevedra
Imprimir
XXXIV Semana da Educación de Pontevedra  (20 Horas)
Matrícula:  Desde 20/06/2022 até 27/09/2022(o formulario de matrícula estará activo só entre esas datas).
Calendario:  Desde 21/09/2022 até 24/09/2022. Do 21 ao 24 de setembro
Horario: Días 21, 22 e 23 de 16:30 a 20:30h, día 24 de 10 a 14 e de 16 a 20h.
Lugar de celebración: Pontevedra, Moaña, Santiago e Viana do Castelo (Portugal)
Número de prazas: 55
Prazas para persoas que nunca traballaran como docentes en centros públicos ou concertados da Consellería de Educación:
      Prazas reservadas: 25%       Número máximo de prazas: 25%
Modalidade formativa: Curso
Obxectivos previstos:

Adquirir ferramentas de traballo partindo das posibilidades que nos ofrece o medio.

Sensibilizar ao profesorado da importancia do medio ambiente.

Coñecer distintas contornas da comarca e descubrir  a súa aplicación na aula.

Contidos:

CUARTA FEIRA, 21 DE SETEMBRO. Pazo da Cultura, Pontevedra.

16:30h – 17;30h Presentación do libro:       

    Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951) 

17:30h CALADIÑOS E QUIETIÑOS!!: Roteiro didáctico sobre a represión e a resistencia na dictadura en Pontevedra.

Por Xosé Álvarez Castro, mestre, licenciado en historia, premio Día da Galiza Martir da Fundación Alexandre Bóveda; autor de numerosos estudos  e libros sobre a represión así como do Blog Pontevedra nos anos do medo.

Despois do golpe militar do 1936,  comezou un proceso de represión brutal contra aqueles que consideraban “perigoso para o rexime”. Isto tivo unha especial repercusión no mundo do ensino.

Pontevedra non foi unha excepción. Aquí tamén houbo torturas, asasinatos, desaparicións, extorsións… por parte do bando gañador. Faremos un percorrido por lugares significados da cidade de Pontevedra.

QUINTA  FEIRA, 22 DE SETEMBRO. MOAÑA 

16:30h  Saída do aparcadoiro do Pazo da Cultura en autobús

ROTA LITERARIA:  O último barco. Seguindo os pasos de Caldas e Estevez.

Por Óscar Rodríguez e Liliana Cancela. Guías da asociación a illa dos ratos.

A desaparición de Mónica Andrade leva ao inspector de policía Leo Caldas e máis o seu axudante Estévez á costa de Tirán para intentar descubrir o paradoiro da rapaza. Na súa busca percorren diferentes localizacións desta vila, recompilando pistas que os axudarán a resolver o caso. 

Nesta ruta literaria coñeceremos algúns dos lugares nos que transcorre a trama do libro. Partiremos da estación marítima de Moaña, pasaremos pola histórica igrexa de San Xoan de Tirán e chegaremos ata o curioso miradoiro da Mona, seguindo os pasos de Caldas e Estévez na súa investigación, e coñeceremos máis detalles sobre eses lugares reais nos que está baseada esta historia de ficción do escritor Domingo Villar.

NOTA: Para participar nesta rota é imprescindíbel ter lido o libro “o último barco”

 

SEXTA  FEIRA, 23 DE SETEMBRO. Crecente /Melgaço
16:30h  Saída do aparcadoiro do Pazo da Cultura en autobús
AS DESTERRADAS:  A  revolta das monxas do mosteiro de Albeos contra a coroa de Castela e o papado.
Adéntrarémonos  nos días finais das monxas bieitas no mosteiro de Albeos (Crecente). Unha historia de resistencia protagonizada por un pequeno grupo de monxas que mantiveron unha valente e desigual pelexa cos grandes poderes do seu tempo: a coroa de Castela e o papado.
Case trinta anos precisaron para sometelas e varios séculos de silenzo e oprobio case conseguen borrar a súa memoria da nosa historia. Na parroquia de Albeos, entre as ruínas do mosteiro de San Salvador, reencontrarémonos coas monxas "fuxitivas e apóstatas".
  Un roteiro que percorre os espazos nos que se desenvolve a acción da obra teatral AS DESTERRADAS -Premio Álvaro Cunqueiro 2020 e Premio Follas Novas 2022.
A visita comprenderá os principais espazos do texto teatral: as ruínas do mosteiro de san Salvador, a igrexa parroquial de Albeos e o pazo da Fraga de Crecente e a Torre  de Melgaço.

SÁBADO, 24 DE SETEMBRO

9:30h  Saída do aparcadoiro do Pazo da Cultura en autobús

DE ROMANOS, VISIGODOS, GALEGOS E PORTUGUESES

-Por Iria Aboi Ferradás, profesora de ensino secundario licendiada en fililoxía galega e filoloxía inglesa

-Por F. Xabier Rodríguez Paz, Profesor de ensino secundario, mestre e licenciado en historia.

A raia seca que nos separa/une a Portugal agacha tesouros da nosa historia antiga e contemporánea. Faremos un percorrido pola nosa historia: dende o campamento romano de Aquis Querquernis, a igrexa visigoda de Bande  a xoia do barroco da Igrexa de Santa Maria a Real de Entrimo até o  actual asolagamento de aldeas polos encoros por acordos entre dictadores. Do outro lado da raia visitaremos a vila portuguesa de Castro Leboreiro en pleno Gêres co seu Castelo do século X que ten a orixe nun antigo castro. 

Xantar en Castro Leboreiro. (Portugal)

 

Importe da matrícula e tipos:
Asociado/a AS-PG/CIG : 50 €
Parado : 60 €
Xeral : 100 €