Obxectivos previstos:
- Analizar as principais experiencias educativas da música galega da actualidade.
- Intercambiar experiencias e resultado de investigacións relacionadas co perfeccionamento da formación dos docentes que imparten música.
- Poñer en contacto a profesores de música galega no exterior coas últimas tendencias desenvolvidas en Galicia no ámbito do ensino da música. Facilitar, así mesmo, o intercambio de ideas entre os que exercen o ensino en Galicia e os que o están a facer fóra dela.
- Promover lazos de coñecemento, recoñecemento e confianza entre os distintos ámbitos educativos da música galega, co obxecto de permitir unha comunicación fluída de experiencias e, eventualmente, poder pór en marcha iniciativas conxuntas.
|
Contidos:
Día 30 de novembro: Rosa María Fernández, Tradición e vangarda desde os mestres Bal y Gay e Ángel Barja: a música esquecida.
Rosa María Fernández García é asesora de música da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria. Está especializada na música do século XX e é autora de numerosas publicacións
Actuación do Cuarteto de Cordas SANTART. Interpretarán o cuarteto nº 2 e o cuarteto nº 3
De Angel Barja, por primeira vez en Galiza despois da súa estrea.
O Cuarteto de Cordas SANTART nace co afán de crear un grupo de alta calidade musical, para promocionar a música clásica en todo o territorio galego.
Día 1 de Decembro: Luís Costa, A vontade identitaria do Coralismo Galego.
Luís Costa é profesor de Historia da Música da Universidade de Vigo e membro de numerosas sociedades científicas nacionais e internacionais, da comisión técnica do Arquivo Sonoro de Galicia (Consello da Cultura Galega) e do Consello Galego de Ensinanzas Artísticas Superiores.
Intervención de Solo Voces.
O Grupo Vocal "Sólo Voces" fundouse en Lugo en 1992. Dende entón leva traballando diversos ámbitos do repertorio coral: a música popular (rock, folk, pop...) e a culta (gregoriano, música sacra e profana de autores consagrados, obras de compositores contemporáneos...), baixo a dirección de Fernando G. Jácome. Interpretará pezas de Pascual Veiga e Xoán Montes.
Día 2 de decembro: Xan Fraga: Contexto Histórico cultural no que xorde o movemento da nova canción galega. Os Galeusca de música. Características da obra de Miro Casabella.
Xan Fraga: Licenciado en Xeografía e Historia, Especialidade de Historia Contemporánea, pola Universidade Central de Barcelona exerce como profesor no IES Alfredo Brañas de Carballo.Autor de numerosos traballos, entre eles Miro Casabella e a nova canción galega
Intervención musical: Miro Casabella. Miro Casabella, unha das voces destacadas da nova canción galega, formou parte de Voces Ceibes e logo desenvolveu unha consolidada traxectoria en solitario.
Día 3 de decembro: Xurxo Souto, No ano do relampo, a selva diversa das músicas emerxentes.
Xurxo Souto, é un cantante, acordeonista, escritor, locutor e licenciado en filoloxía clásica. O labor que o fixo máis popular foi o de líder e vocalista da banda de rock "Os Diplomáticos de Monte-Alto? É un gran difusor da música galega de agora e sempre.
Intervención en concerto de The Homens.
The Homens é un grupo galego de powerpop que tivo os seus inicios en 2004. Ten catro discos no mercado ademais de participar en traballos colectivos.
Día 4 de decembro: Carlos Villar Taboada: As músicas contemporáneas en Galicia: tendencias e compositores nun novo século.
Carlos Villar Taboada licenciouse na especialidade de Musicoloxía na Universidade de Valladolid, en cuxo Departamento de Historia e Ciencias da Música traballa desde entón como investigador e docente, con especial interese nos temas relacionados coas músicas do século XX en España, a análise musical, músicas contemporáneas e estética.
|