Obxectivos previstos:
Tíralle da Lingua é un proxecto da AS-PG, dirixido ao alumnado e profesorado de todo o país, co obxectivo de normalizar o uso oral da nosa lingua, convertir o idioma en instrumento de comunicación normal, de creación e recreación de historias... de lingua vehicular do noso sistema educativo, en definitiva, de devolverlle ao galego o espazo que lle corresponde.
-Transmitir no profesorado a importancia que o factor oral ten na recuperación e uso da lingua.
-Proporcionar aos/ás asistentes técnicas básicas para estimular e traballar a oralidade nas aulas.
-Dar pautas para a creación de historias ou ben para recrear historias de carácter popular.
-Traballar aqueles aspectos básicos da comunicación oral e intentar introducir novas formas de comunicación.
|
Contidos:
VENRES 16 DE NOVEMBRO
16:30h – 17:00h Recepción e entrega de material
De 17:00 a 18:30: PARA QUE SERVEN AS IMAXES?, Eva Mejuto, OQO Editora
Alicia preguntábase na obra de Lewis Carroll para que serve un libro se non ten imaxes. Neste obradoiro darémoslle a volta á pregunta para analizar as distintas funcións que teñen as imaxes nun álbum ilustrado. Prestaremos especial atención ás posibilidades de traballo que a ilustración pode ter na aula e tamén exploraremos novos soportes para achegarmos os contos a nenos e nenas: a animación audiovisual, tanto para ver como para facermos o noso propio filme na escola, a partir das distintas experiencias de traballo de OQO editora e OQO filmes.
De 18:30 a 20:00h: O berro de Lord Byron (poesía e sonoridade) Carlos Negro Romero, docente no C.P.I. Eusebio Lorenzo Baleirón e escritor.
Obradoiro poético orientado a descubrir as potencialidades da linguaxe poética como expresión oral, como xogo fónico, como boca colectiva da imaxinación.
SÁBADO 17 DE NOVEMBRO
De 10:00 a 11:45: EN GALEGO, TODO VAI RODADO, Anxo Gómez Sánchez, docente no CPI Vicente Otero Valcárcel de Carral
O relatorio pretende ensinar a traballar con programas informáticos moi básicos, como o Movimaker, parar realizar dobraxes de trailers e peliculas.
De 12:00 a 14:00: "Expresión audiovisual dos nativos dixitais"; Manuel González Álvarez, profesor no IES Concepción Arenal de Ferrol, guionista e investigador cinematográfico.
A utilización creativa -como un bolígrafo ou pincel - de dispositivos de rexistro de imaxe (cámaras fotográficas, móbiles..) ofrece innumerábeis posibilidades na práctica docente, dende a creación de obxectos dixitais ata a expresión libre. O único importante é a “mirada”.
De 16:00 a 17:30: Os proxectos Ponte na fala e Canto Conto, Xosé Antonio Formoso Lado, filólogo, integrante do proxecto Fabaloba
Ponte na fala trata de recoller literatura oral tradicional da concello de Ponteceso e difundila a través dun blog, no cal tamén se propoñen actividades educativas para realizar partindo dese patrimonio.
Canto Conto é un proxecto de formación en narración oral que percorre diferentes estilos desta, dende o estudo do estilo e as técnicas da narración tradicional ata o achegamento ás diferentes estilos dos contadores profesionais de hoxe en día e os diferentes medios de difusión.
De 17:30 a 19:00: Canto conto! Raúl Piñeiro Fernández, filólogo, animador sociocultural e dinamizador.
Dentro dunha aula o fundamental, o máis importante senón o único é a comunicación, en calquera das súas formas. Por iso, o campo das dinámicas da aula é imprescindible para o traballo transversal co alumnado, para dotalos de habilidades comunicativas e sociais. Propoñemos unha achega a diferentes propostas de expresión oral creativa e participativa.
Como peche da sesión Raúl Piñeiro presentará o seu último traballo de narración oral: Os graxos da Burga.
19:00: Clausura
|
Metodoloxía que se vai empregar:
-Presentación de distintas experiencias prácticas levadas a cabo en distintos centros de ensino (dobraxe de filmes, a creación de audiovisuais, obradoiros de poesía...)
-Relatorios de carácter teórico para dotar aos docentes de novos xeitos de difundir a lingua galega e polo tanto de fomentar a oralidade nas aulas.
|